¿Cando empezaches a túa relación co Victoria?
Eu empecei xogando, despois desa etapa como xogador estiven desligado do club e volvín a retomar a miña relación cando o meu rapaz empezou a xogar ao fútbol. A raíz de que o neno empezou a xogar, xa sabes, bótame aquí unha man ,fai isto...ata agora.
Como xogador xoguei 4 anos cos modestos do Victoria, pois só había equipos de xuvenil e modestos, pero eu empecei directamente en modestos.Eu xogara previamente no San Miguel. Xogaba soamente a nivel local, e lembro que o equipo co que mantiñamos a maior rivalidade era o Ximnástico de Sar, aparte da rivalidade co Amio e co San Miguel. Daquela quedamos subcampión de Copa e de Liga, que gañou o Ximnástico.Tiñamos un bo equipo, xogaba con nos Morlán, o irmán de Moure, e creo que o propio Moure que daquela era xuvenil.
Xogabamos todos no campo das Cancelas, que non tiña herba artificial como agora, pois era un campo de terra. Os xogadores estabamos afeitos a xogar en campos de terra, con barro, de feito adestrabamos practicamente en leiras, pasabas todo o día xogando nunha leira, na estrada. O que soñabas era xogar nun campo de herba, unha final de copa en Santa Isabel. As condicións eran outras, as botas as levaba o club nun saco, lembro as botas Marco como as mellores botas por aquel entonces, e ningún tiña as súas propias botas. Ao chegar ao vestiario, había tres sacos, un coas botas, outro coas camisetas e outro coas medias e pantalóns e cada un collía o que podía.
¿Como volviches a implicarte co Victoria Fc?
Pasados eses anos, abandonei o fútbol, metinme na Asociación de Veciños onde tamén estiven moitos anos colaborando e traballando polo barrio. Nunca estiven desvinculado nin do barrio nin do Victoria. Cando o meu fillo empezou no Victoria, pedíronme que lle botara unha man e funme involucrando cada vez máis ata o día que cheguei a ser presidente, cargo que collín entre un grupo de amigos, mais ou menos 10 persoas. Para formar a directiva xuntámonos un grupo de 10, pero finalmente quedamos 5 da directiva, pois sempre hai xente que se descolga, e non houbo proceso electoral.
Asumín o posto de presidente hai 7 ou 8 anos, xa nas oficinas en San Lázaro. Cando cheguei a situación económica do club estaba saneada, non tiña cartos pero non tiña débedas e a día de hoxe seguimos máis ou menos igual, non tes cartos pero non ten débedas. Dispoñer de 2.000 ou 3.000 € nunha conta, é para afrontar os gastos correntes que ten que asumir o club.
¿Que axudas ou apoios institucionais recibiu ou recibe o club?
Como club, as axudas que recibe do Concello son as que convoca para as entidades deportivas de Santiago. Son axudas limitadas ás subvencións que conceden en base aos xogadores, os equipos.Despois deixan o campo un día para adestrar. Esperamos que esa situación cambie co novo campo.
Falando dese campo, a historia deste e froito dunha reclamación de moitos presidentes. O campo xurdiu desde unha demanda veciñal cando eu estaba na Asociación de Veciños, sendo o alcalde Xerardo Estevez. Cando se modificaron as normas urbanísticas que permitiron a construción do edificio administrativo do SERGAS, demandamos que deixaran uns terreos para o uso do barrio, uso que naquelas datas reclamabamos para un campo de fútbol, ou ben un campo da festa...finalmente pedimos un campo de fútbol, pero non un campo de fútbol municipal, senón un campo de fútbol de titularidade do barrio.
Agora é un campo municipal, onde pretendemos asinar un convenio no que teñamos, conxuntamente co Amio, un uso preferente, pero que son condicións distintas as acordadas no seu día. Botamos de menos no barrio un sitio que este a disposición dos veciños onde estes se poidan xuntar para xogar unha “pachanga”, para uso comunitario ou do barrio, e non estar a expensas doutros organismos para a súa utilización.
¿Voltando ao tema deportivo, tendes problemas para conseguir formar os equipos e competir nas distintas categorías que existen en Santiago?
Antes os barrios estaban moi identificados co club, pero debido a imposibilidade de construír en San Lázaro, a xuventude marchou ao non haber vivendas, polo que non había moitos nenos, lembro que houbo épocas en que de San Lázaro apenas tiñamos nenos, polo que estes viñan de fóra do barrio, de Fontiñas, da rúa de San Pedro, a diferenza da miña época de xogador, na que eramos maioritariamente de San Lázaro. A día de hoxe, debido as novas urbanizacións e vivendas, parece que temos un repunte de nenos.
¿Como colabora o barrio, os negocios para a boa marcha do club?
A verdade é que a busca de patrocinadores para o club é sempre a mesma, acudes a aqueles amigos ou coñecidos que están dispostos a botar unha man para que o club siga vivo, para que paguen as equipaxes, material... Neste 75 aniversario temos a fortuna de contar con dous patrocinadores principais, C.P.S. e Eulogio Viñal, Constructores.
Tamén unha parte importante é a achega dos socios e pais dos nenos que xogan no Victoria FC.
¿Que resumo ou con que momento deportivo te quedarías dentro da túa etapa como presidente?
Eu non me quedaría con ningún momento específico, quédome co día a día, que todo vaia ben, que a xente se atope cómoda, iso é para min o fundamental. A festa de fin de tempada para nos,é para min como presidente, é un día de máxima satisfacción, pois a participación é moi boa e o ambiente estupendo, o que resumo ano a ano o traballo que estamos a facer.
¿O Victoria FC que é un equipo que se preocupa polo fútbol-base e pola formación dos nenos, cal é a súa relación cos demais equipos?
A relación cos equipos, coas directivas, en xeral é boa, non temos problemas con ninguén. Pero boto en falta a colaboración entre equipos, esa colaboración é practicamente nula, parece que cada un remara en direccións opostas, botas en falta unha maior coordinación do fútbol base, non é normal que teñamos tres equipos en Preferente, 4 equipos en xuvenís galega. Está ben que teñamos moitos equipos nas mellores categorías, pero deberíamos apoiarnos e apoiar ao que se atope en situación de ofrecer aos nenos un horizonte nun bo equipo.
¿Xa levas máis de 7 anos ao fronte do club e nese período pasaches, me imaxino, por momentos moi complicados, outros momentos doces, poderíanos sinalara algunha anécdota ou situación destacable?
Eu non teño unha anécdota ou situación especial que destacar. Si teño que lembrarme de algo, e da primeira festa de fin de tempada do club, pois tiñamos o medo de que resultara mal, e tivemos a mala sorte de que, despois de ter todo preparado, choveu e tivemos que trasladar a festa a actual sede do club, aquí en San Lázaro, pero ao final resultou un éxito.
No aspecto deportivo, non lembro ningún momento especial, pois penso que ás veces o mais importante non é o título que consegues. De feito, eu lembro mais os partidos nos que se xogou moi ben,deses teño varias lembranzas.
¿Como ves a celebración dos 75 anos?
Pois mira, eu estiven na comisión organizadora do 50 aniversario e na directiva do Victoria. Daquela ninguén celebraba os aniversarios e a verdade que resultou moi ben, con diversos actos e competicións.
Eu espero que os actos programados para o 75 aniversario sirvan para recoñecer o traballo de toda aquela xente que nos precedeu no Victoria, que xa non está connosco e que serva tamén para que todos nós disfrutemos, que contemos con toda a participación posible e que teñan uns momentos de diversión e para compartir entre amigos e veciños.
¿Por último, con toda a túa experiencia no Victoria, que é o que mais valoras?
Para min é unha satisfacción moi grande cando vas pola rúa e un rapaz, do que nin te das conta, te saúda despois de levar anos fóra do Victoria. Os amigos que vas facendo polo camiño é, sen dúbida, a satisfacción mais grande, xunto co feito de posibilitar que os nenos fagan deporte.
Tamén valoro moito o traballo que se fai cos nenos. Unha vez que entran no club, forman o seu grupo, e comparten experiencias, apóianse no compañeiro, esfórzanse, iso é o fundamental para que o proxecto saia adiante.
¿Cal é o motivo que permite que o Victoria cumpra os 75 anos?
O motivo é que en distintas etapas houbo inquedanza no barrio por manter o equipo. Houbo momentos nos que o club estivo a piques de desaparecer, que non había, en principio, quen collera a directiva, pero finalmente sempre xurdía alguén que o sacaba adiante. Estou convencido de que cando marchemos, haberá sempre alguén que asuma o equipo. A xente do barrio de San Lázaro sempre sentiu o equipo como algo propio, os que xogamos no Victoria non podiamos permitir que desaparecera, polo que penso que chegaremos ao centenario sen problemas.